Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Lousame celebrará a súa Festa de Entroido na tarde do sábado 10 de febreiro no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra


Haberá obradoiros, xogos, inchables e degustación de chocolate con churros, orellas e filloas. Inscricións de balde en bandoticket

O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra acollerá o vindeiro sábado 10 de febreiro o tradicional Festival de Entroido do Concello de Lousame, que se desenvolverá entre as 17:00 e as 20:30 horas. A festa será amenizada este ano por Moc Moc, un clown musical que tamén traballa outras disciplinas tales como os malabares, a maxia e a música, a través dunha disco móbil.

No polideportivo haberá obradoiros de Entroido, xogos variados e inchables para os máis pequenos da casa, así como degustación gratuíta de orellas, filloas e chocolate con churros para todas as persoas que asistan. Así mesmo, repartiranse caramelos entre todos os nenos e nenas que acudan disfrazados. As familias que desexen participar deberán inscribirse gratuitamente en bandoticket.com.

Un ano máis, e van xa oito seguidos, non haberá concurso de disfraces, que será substituído por un divertido desfile de disfraces. “Queremos que sexa unha actividade familiar, onde a xente participe e desfrute da festa, sen ter que andar pendentes dos premios do concurso nin dos cartos que cada un gasta no disfrace”, explica a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo.

Para facilitar o acceso, o Concello de Lousame vai empregar o mesmo sistema utilizado no Festival de Reis: dirección única con entrada pola Fonte do Redullo e saída polo CPI Cernadas de Castro. Así, os pequenos poden quedar na festa mentres a persoa adulta aparca nunha das tres zonas dispoñibles na contorna: entrada do colexio, no campo vello de fútbol de Cruído ou na propia subida do Redullo (carril dereito).